viernes, 29 de noviembre de 2013

Reapertura

Fixen moitas cousiñas para a tenda no verán, pero tívena pechada porque non era quen de actualizala. Parece unha parvada poñer unha tenda online, pero hai que facer as fotos (que xa é un traballo en si mesmo), preparar as descricións dos artigos, pesalos para saber o custe do envío... e todo iso sen vender un!
Coas fotos nunca dou feito, cando dou sacado un oco para preparar un lugar para sacalas acábaseme o tempo e teño que deixalo todo a medias. Esta semana decidínme a poñerme dunha vez, e se non quedaban mellor, pois quedaban peor. Non usei reflectores nin atinei coa mellor luz, pero as fotos están listas para amosarvos as cousiñas que fixen. E xusto esta fin de semana comeza decembro, igual tendes pensado facer algún regaliño e algo do que teño encaixa ben co voso agasallado.

Ademáis das cousas que xa estaban: manteliños, mantas, pousatazas e fundas de coxín

tenda 1

fixen outras cousiñas novas:
toalliñas de lactancia (xa sabedes, coma as que fixera para o B.)

toalliñas

fundas para os móbiles ou para levar algún boli convosco no bolso

fundas mobil


unha mantiña nova de retallos e con franela para estar quentiños no sofá

mantiña

xoguetiños de etiquetas para bebés

etiquetas

un bolso do que estou namorada

bolso

un estoxo para lápices cunha cámara para algunha tola coma min

estoxo

e uns portabolis para a Moleskine como o que fixen hai moitos anos para min e que segue en uso a diario.

portabolis moleskine


Podedes escribirme con calquera preguntiña, e entrar na tenda Da Tartaruga mirar porque hai moitos máis modelos ca os que puxen aquí.

Boa finde e boa entrada en decembro, por aquí xa comezamos coas celebracións.

martes, 26 de noviembre de 2013

46/52

Semana do 11 ó 17 de novembro, xa só falta unha.

Z :: 46/52

L :: 46/52

B :: 46/52

Z: A naturalidade se cadra non é a túa cualidade á hora de sacarte fotos,... pero tés outras :)

Cara b: Cando na casa comemos pasta gardamos sempre unha ración para ti. Ó volver do cole merendas así.

L: Estiveches argallando ás caladas e cando estabas preparada debaixo da manta dixeches: "Vou durmir a sesta coma papi"
Logo pechaches os ollos... uns 5 segundos

B: Gústache facer cu-cú mentres papá durme a sesta baixo a mantiña no sofá. Sinalas todo co teu índice e acompáñalo sempre dun bramido. Acenando non-non-non-non-non.

Cara b: Intentando unha foto carné entre os dous.

domingo, 24 de noviembre de 2013

45/52

Levo moito retraso nas fotos do proxecto semanal, hoxe intentei preparar e só puiden adiantar unha semana, són do 4 ó 10 de novembro, así que quedan aínda tres á espera.

Z :: 45/52

L :: 45/52

B :: 45/52

Z: Drama de domingo: hora e media chorando porque queres ter un cadeliño.

Dende que non está Olivia todas as noites vés á nosa cama tremendo, con pesadelos. Cando volviamos o domingo a casa no coche dixeches que non querías durmir, que durmías moito mellor cando Oli estaba contigo. E debes ter razón, Oli era única. 

L: Na casa da avoa Olga atopaches os lazos... digna bisneta da avoa Marilde, o que ía gozar téndote de filla ;)

Z: Chamámoste: señor pequeno (porque es pequeno), señor redondo (por esa cara e eses ollos), Sansón (pola túa forza inhumana), terrorista (polo caos que queda alí onde estiveches), Dorito (porque sempre falas en "balleno", coma Dori). Ás veces tamén usamos o teu nome.

Cara b: Cos bisavós Sindo e Marilde

viernes, 22 de noviembre de 2013

Tempo de calcetar

Chegou outra vez, despois de meses sen tocar as agullas (quitando as alfombras de ganchillo) de súpeto nunha fin de semana atopeime tecendo e xa non parei. O outono ten ese poder, fai que as árbores se poñan preciosas antes de perder as follas e que eu volva coller as agullas coma nun impulso invisible.

O primeiro que tecín foron dous gorros, de agasallo para aivou, para que non lle enfríen as ideas no inverno. O capucine, ese que máis ben é un carapucho que un gorro fíxeno con dúas madeixas de la e seda que mercara hai xa bastantes anos. Tiven que engadir un novelo a maiores para os pompóns (Como se chama isto en galego? Non son pompóins exactamente, en inglés son tassels...). Tapa moi ben e é moi doado de facer e de poñer, non queda embutido na cabeza coma os puchos normais. Gustoume.

capucine

O outro fíxeno cunha combinación de patróns, usando la que sobrara da mantiña que rematei o ano pasado. Tiña a idea de facer esas ondiñas que gardaba na memoria, e mirando entre os proxectos no ravelry atopei este e encantoume o elástico coa formiña para as orellas, así que xa o teño gardado nos favoritos e hei repetilo, faise con voltas curtas e queda perfeto.

mar e sol

O ravelry ten moitas cousas boas, e tamén algunhas malas, por exemplo saber que tes un par de calcetíns comezados dende decembro do 2009... ejem, catro anos para facer un par de calcetíns. comecei a facer os sidewinders, que se tecen ó longo, pero cando acabei o primeiro non me quedaron ganas de máis: un montón de grafting (que tampouco sei como se chama en galego, é o remate que se fai cosendo de maneira que o punto queda coma se se calcetara), un costurón baixo as dedas que non souben moi ben como amañar, e que me aprecía un pouco estreito, pero non se pode corrixir nin de longo nin de ancho unha vez feito. Así que acabei o primeiro e decidín que o segundo ía facelo diferente. Escollera un patrón no que o talón se facía coma un gorriño, pero cando xa o estaba rematando decateime de que na zona do gorriño quedaba aínda máis estreito que o primeiro que fixera, así que, aínda que o aborrezco enormemente, desfíxeno. E logo xa non fixen nunca nada máis relacionado con ese par de calcetíns. Tiña un feito e co outro xa me vencera a frustración e estaba aburrida de tanto facer e desfacer. Pero despois do par de gorros (e de catro anos) colleume con forzas e rematei un calcetín liso comezado dende arriba en só uns días, logo de investigar como era que se facía un montado elástico con dúas agullas que vira no blogue de Barcelona Knits cando aprendín a facer calcetíns. Betty axudoume e dixo que era o "german twisted cast on" aínda que a min ségueme a dar a sensación de que no vídeo orixinal o fío pasaba entre as dúas agullas. Tanto ten, usando as dúas agullas xuntas para montar os puntos queda moi elástico.
E gústame o resultado, cos dous calcetíns diferentes.

raros
raros
(o B. axudándome a "colocar" a roupa dos caixóns)

O seguinte que fixen foi montar outro calcetín cun dos novelos de la para calcetíns que teño na casa, e que serán o propósito desta temporada. Veredes, coa la para calcetíns teño un pequeno problema, cando vou a unha tenda de las polo que sexa e me vexo tentada para mercar, pero son consciente de que non teño tempo para tecer toda a la que teño na casa, ás veces pásame que merco un novelo de la para calcetíns, total é só un... e claro, logo pasa que teño só un novelo, así que o único que podo facer é un minichal ou un par de calcetíns, e cando me poño a tecer un par de calcetíns remato o primeiro e dáme a síndrome do segundo calcetín e cagámola. Así vou, gastando un novelo cada catro anos. 
Bah, estou esaxerando un pouco, creo que contando cos que comecei agora teño só catro novelos, pero este inverno tratarei de surtirme de calcetíns.


Preparadas para unha finde de sofá e agullas?

NOTA: Grazas a todas polos comentarios na entrada anterior :)

viernes, 8 de noviembre de 2013

Son neofalante

A amiga Rosana compartiu un enlace que me fixo pensar. Parva de min non se me ocorrera nunca que ademáis dos problemas coa lingua podía compartir e verme reflexada nos sentimentos doutros neofalantes.


Porque é claro, eu non mamei o galego.  Meus pais falaban castelán e meus avós falábano tamén con eles e connosco, só o falaban meus avós entre eles, porque coa súa xeración falar castelán era sinónimo de cultura e prosperidade.
O primeiro recordo que teño de querer falar galego debeu ser cando tiña uns nove ou dez anos, no colexio tiñamos Naturais, Sociais e Galego e a min ocorréuseme dicir durante unha comida familiar que me gustaba o galego. Non lembro as respostas dos demáis, que é posible que foran acenos coa cabeza asentindo, pero lembro a resposta do meu tío, algo así coma: "Pero cómo te va a gustar eso, si es feísimo, es muy bruto y es de paleto". Non foi a última vez que escoitei un comentario semellante, de feito coido que poderiamos ter hoxe unha conversa sobre o feo que é o acento galego co bonitos que son os demáis. Pois se era así non podería gustarme. Polo menos, aínda que me gustase, non o volvería dicir.

A miña vida co galego restrinxiuse ás clases, onde parece ser que non sabelo da casa me favorecía á hora de facer os exames en galego normativo, así que, como se me daba aparentemente ben, a min seguía a gustarme.

de algodón

É curioso que todo o contacto que tiña co galego vivo eran os alunos internos que había en BUP e COU (son un dinosauro, igual ca miña nai cando me falaba de reválidas) e que estaban claramente diferenciados do resto, para confirmar aquela afirmación de meu tío de que "era de paletos" e só o falaban os rapaces que viñan da aldea, que tiñan animais na casa, que non "avanzaran"... dáme vergoña dicilo, pero todo parecía indicar que era así, eran menos.
Digo que é curioso porque falando estes últimos anos cunha amiga e compañeira que viviu onda min e estudiou comigo, ela non é consciente de que na cidade onde viviamos NINGUÉN falase en galego nos comercios, na escola, pola rúa,... porque na súa casa si falaban en galego.

Logo marchei (viñen) estudiar fora, tiña mozo e ese primeiro ano os dous estabamos estudiando aquí. Eu mudei da residencia de estudiantes para un piso e, ademáis dunha rapaza de Vigo coa que fixen amizade e doutras que xa coñecía da residencia e de antes, relacionábame máis cos seus compañeiros de piso. De toda esta xente non había NINGUNHA persoa galegofalante, pero si notei algo distinto en Lugo: pola rúa escoitábase falar en galego, os comerciantes vendíanche cousas en galego (e ó parecer non por iso a xente deixaba de mercar). Iso foi parte do que me namorou de Lugo: a xente falando galego como algo normal, as hortas (xa desaparecidas) de camiño á Facultade, a señora en bata de casa e zapatillas collendo o pan, o galo que se escoitaba dende o noso piso (un galo na cidade!), a señora que pasaba pola rúa entre os coches tirando dun carro cargado de herba,... Supoño que o mesmo que facía que a miña avoa paterna me preguntara se me gustaba a cidade, e logo o acompañara de que "es que Lugo es un pueblo grande". Iso mesmo foi o que me namorou, unha cidade rural, aínda que xa mudou moito dende entón.

mazá

Logo daquel primeiro ano meu mozo rematou e marchou, e pouco a pouco fun facendo máis amizade coas compañeiras de piso. Eramos catro: unha portuguesa castelánfalante (sempre dixo que falaba castelán porque o galego era tan parecido ó portugués que non o diferenciaba e sempre acababa falando portugués); unha rapaza da costa coruñesa, filla de leoneses e asturianos, tamén castelánfalantes; e unha de Santiago á que non esqueceremos nunca e grazas a quen nos unimos moito máis as outras tres.
A pandilla e o mozo que tiña daquela a portuguesa eran galegofalantes, da Costa da Morte, e con eles pouco a pouco comecei a soltarme e falar o meu galego artificial, en frases soltas, en conversas interesantes, cómodamente, sen sentirme xulgada. Lembro especialmente os pés que me botaba o único rapaz da pandilla que era de Pontevedra e que coido que me entendía, como aquela vez que quería dicir maniotas e non era quen de lembrar cal era a palabra correcta, porque "agujetas" obviamente non era.
Tamén lembro os debates interesantes nos que a portuguesa dicía que lle parecía máis lóxico o que facía eu, cambiando de rexistro segundo o idioma que me falara o outro interlocutor, que o que facía o seu mozo falando sempre en galego, e comparando a situación cunha conversa entre dúas persoas que saben inglés e francés e teñen conversas falando un en inglés e outro respostando en francés. Ese día decateime do difícil que pode ser para unha persoa de fóra comprender o noso bilingüismo, a convivencia de dúas linguas no mesmo tempo e lugar. E tamén que daquelas eu respostei que falaba os dous porque sempre fora castelánfalante, cando en realidade o que me pasaba era que eu comezaba aínda a falar galego cando me falaban en galego e faltábame confianza, prática e soltura coma para falalo tamén cos que me falaban en castelán.
Hoxe ségueme a faltar, de feito tiven un shock hai máis dun ano cando descubrín que nin sequera era consciente de estar colocando mal os pronomes cando para o resto era máis ca evidente; os os e os es pechados non existen e aínda que soubera onde poñelos non sabería dicilos; coa familia e os amigos de antes fago tímidos intentos de falar en galego e axiña acabo falando en castelán porque me sinto "rara"; e coa xente castelánfalante que entende o galego remato falando tamén en castelán sen saber como (moitas veces esa xente anímame a seguir falando en galego, e eu teño que explicar que non o fago á mantenta, que fun sempre castelánfalante e "váiseme"); outras veces sinto vergoña cando unha persoa que mamou o galego me di que fala mal e que eu si sei falar, e demostra o que nos queda por andar se o artificial se identifica coma bo, igual que identificar á xente da cidade coma xente "que sabe", cando está claro que non sabemos nada, nin sequera temos no noso galego artificial palabras para realidades que non coñecemos (eu xa pasaba dos vinte anos cando un amigo tivo que explicarme que naquela parte do prado asulagada que el chamaba trollo, e hoxe sei que tamén pode ser unha braña, era mellor pisar onde había herba e non onde había terra, para non mollar os pés).

Quen me coñece seguro que me escoitou algunha vez, falando de como comecei a falar galego, o mal que me sentou cando o meu mozo daquelas veu a unha comida con aquela nova tropa miña coa que falaba galego e cando marchamos riu e dixo que estaba ridícula falando en galego, que non me pegaba nada, e que se notaba moitísimo que tiña que ir pensando e traducindo o que quería dicir... creo que é polo único que lle gardo rancor, e ó mesmo tempo este feito indicou que ía haber un final, que compañeiro se ri dalgo que é importante para ti?

Sígoo intentando, a diario, e supoño que non podo evitar sentirme ás veces coma unha emigrante en terra allea, sen saber as tradicións (as expresións) da nova terra pero sen se sentir totalmente a gusto cando volve a casa porque xa foi tomando costumes de fóra (porque falando castelán agora sáenme palabras en galego).

flor

E pregúntome aínda polo seguinte paso, a seguinte xeración, os Tartarouchos e os que son coma eles, fillos de neofalantes, que aprenderon colocando mal os pronomes e afianzárono rodeados de castelán, que perden progresivamente o galego durante o curso e recupérano un pouco durante o verán, que falan castelán automáticamente diante dun neno ou nena, e incluso xogan en castelán entre elas, porque saben que os nenos non falan galego,... que futuro lle agarda ó galego?

Nós e os nosos fillos son o seu futuro, o futuro está no presente, na nosa boca a nosa lingua.

Eu seguirei a intentalo.

Nota: As fotos non teñen nada que ver, pero tiña que enfeitar isto un pouco ;)

martes, 5 de noviembre de 2013

44/52

Z :: 44/52

L :: 44/52

B :: 44/52

Z: Estaba escribindo as descricións das fotos, viñeches por atrás e dixeches que puxera "A nova cara de Z." "A que se me dá moi ben isto, mamá?"

L: Baleirando a cabaza do Samaín

B: cu-cú :)

Cara b. A primeira galleta de chocolate (e mira ti por onde os buratos da parede tiñan a súa utilidade)

lunes, 4 de noviembre de 2013

43/52

Z :: 43/52

L :: 43/52

B :: 43/52

Z e L: Xogando a ser paleontólogas buscando dinosauros no xogo que trouxemos do MUJA (houbo un fallo, o kit era para buscar dous dinosauros, pero só traía un xogo de ferramentas)

B: Deixeite un rato con papá na cociña e cando volvín estabas así.

Cara b: na herba ❤

Hoxe só me deu tempo a preparar as da semana anterior, e comeza a notarse a época na que estamos: fotos dentro de casa e sen luz... xa non me lembraba.

Por se queres compartir