lunes, 25 de marzo de 2013

12/52

Z :: 12/52

L :: 12/52

B :: 12/52

Z: Vacacións por fin. Tivemos discusións as primeiras noites porque queres deitarte cando ti queiras, que vén sendo cando a última persoa se mete na cama, pero ó día seguinte espertas ás sete e media coma sempre, e logo o día faise difícil.

L: Onte houbo un accidente contra a mesa do salón, menos mal que tiñamos "tiritas" de Caillou.

B: O xoves pola noite mentres falaba contigo comezaches a pegar berriños agudos. Os "iiiiiiiiii" e "aaaaaaaa" xa non pararon dende aquela.
Por fin válenche os cueiros de tea... gústame verchos postos, tés un aire poético.

viernes, 22 de marzo de 2013

Un sorriso

Vouvos contar un conto, metédevos no papel, imaxinade que sodes vós a protagonista.

Imaxinade que ides facer recados aproveitando que o papá pode quedar na casa coas nenas e que "só" tendes que levar un bebé (o que rinde o tempo só cun bebé... e cando ías sen ninguén despois de ir sempre con dúas nin che digo!). Imaxinade que saídes de casa e botades media hora dando voltas intentando buscar sitio para aparcar sen ir a un parkin, imaxinade que xusto o bebé se queda durmido nesa media hora e que decidides levar entón o carriño para non espertalo, e que, xusto cando entrades na merzaría para ir facer o primeiro recado, esperta. Collédelo no colo e botades un vistazo mentres facedes cola. Toca o voso turno. Queredes unha cinta ancha e forte para poñer de asa nun bolso. A dependenta sácavos unha caixa de cartón grande cuns rolos de cinta enormes. A cinta que queredes terá uns 4 centímetros de ancho e os rolos miden vinte ou vintecinco centímetros de diámetro cada un. Escolledes unha que pensades que vos pode valer, pedides metro e medio e a dependenta mide, corta, envolve, fai un paquetiño de papel (encántanme os paquetiños de papel das merzarías, máis aínda cando levan a conta feita no papel, con eses números como os da miña avoa) e cóbravos. E vos pagades, colledes o paquetiño e dispoñédevos a marchar... só que ós tres pasos decátaste de que non levas o paquetiño na man, senón un dos rolos enormes, que nin sequera era o que escolliches, e estás a piques de metelo baixo o brazo para poder manobrar mellor. Entón das a volta, a dependenta esmendréllase e unha señora da cola menciona que está ben mentres non te trabuques e deixes ó bebé. E ti xa non lembrabas que no outro brazo levabas un bebé, porque pasa tanto tempo aí, que é unha extensión de ti mesma.

E saes da tenda a gargalladas, pensando no ridículo que é saír cunha cousa tan grande sen decatarte, coma se foses por un vaso de auga e saíses cunha garrafa de seis litros sen te inmutar... :DDD

Teño unha poliña de mimosa, un pouco chuchurría xa, na mesa e o salón arrecende; onte ás 8:30 da noitiña estabamos a 18º; acabo de "alisarlles" o cabelo (pobriñas) ás Tartarouchas coas miñas ningunhas dotes de perruqueira; o Moucho está a tocar a harmónica para o B. a máis a L.; hoxe comezan as vacacións do cole, e mañá é fin de semana (aínda que o Moucho traballe).

A data meréceo, así que agardo que comecedes cun sorriso. :)

poliña de mimosa

miércoles, 20 de marzo de 2013

Un vestido

O ano pasado no verán fixera un vestido para a Z. seguindo un dos patróns do libro Happy homemade vol.5

A tea conseguina no verán nun posto do mercadillo de Vilagarcía que tén moitas teas con estampados chulísimos. Fíxenme cunhas cantas, pero normalmente son teas moi finiñas, coma de blusa, e a verdade é que non sei moi ben en que darlles uso porque nós somos máis de camisolas, pero pensei que un vestido de verán podía dar resultado.

Pois estaba errada, a Z. non o estreou. Supoño que se o tivese feito para a L. tería máis éxito. Dáme mágoa non poder facerlles máis roupa que lles guste usar, pero é moi difícil atopar teas de punto nas tendas físicas, e as que hai por internet adoitan ser preciosas (e caras). O outro día a amiga Cris descubriume que nunha tenda barata de Ferrol teñen tea de camiseta!!! Que non a vin a vender nunca en ningures! Foi como atopar un tesouro.

O caso é que o outro día vino no armario e ocorréuseme que igual podía valerlle á L. este ano, pois aínda que hai tres anos de diferencia entre elas normalmente hai só unha talla entre as dúas.

E bingo! A ver se este ano se usa o vestido entón...

vestido1
(desastre de foto na que case non se ve o vestido e ademáis hai tantas cousas que despisten que aínda fai que se camufle máis)

As fotos son xa de hai un mes, fixen algunha mentres o puxo na habitación da máquina de coser, e que ten unha luz que está comigo a medias nese punto amor-odio. Ó ver as fotos pensei que podía amosarvos o que pode facer a luz nas fotos e o que fai que ame-odie a luz neste cuarto.

Explícovos: As paredes están pintadas de verde, dun verde pistacho non moi brillante despois de anos e anos de sol e que non se ve ben en ningunha destas fotos porque un dos estores estaba baixado. Ten unha fiestra e unha porta que dan ó sul e meten luz todo o ano cara dentro. Cada raiola que sae cólase dentro así que é un cuarto bastante luminoso e a min gústame moito a cor das paredes, pero... sempre hai peros. Cando se fan fotos cos estores levantados e preto da parede, a parede reflexa esa cor verde nas caras que non é moi favorecedora... Cando os estores están baixados, como son laranxas ,fan ó verde tomar unha cor apagada e amarronada que non me gusta NADA, e non só ás paredes, claro, tinguen de laranxa todo o que queda no medio. Non lles fixen nada a estas fotos para que se vexa do que falo:

vestido 4vestido 5

 Pero hai un efecto deses estores laranxas que si me gusta, aínda que non o aproveito case nunca, dá unha luz cun efecto íntimo

vestido 3vestido 2
vestido 7

e que ademáis queda ben en branco e negro, cousa que eu tampouco uso apenas... unha mágoa.

vestido bynvestido byn
vestido byn

A zona que máis me gusta é xunto á porta porque se aproveita mellor a luz branca, pero o chan e as portas do armario de madeira reflexan moito laranxa tamén, así que tampouco a uso moito...

vestido 8

Total, que algún día supoño que decidirei darlle un cambio tamén... hoxe non vistes moito o vestido, pero
vaia rollo menuda exposición vos fixen da luz da habitación verde, eh?


martes, 19 de marzo de 2013

As trenzas

trenzas 1

trenzas 2

L :: 11/52

trenzas 3

trenzas 4

Vós sabiades que se facedes trenzas nun cabelo rizado, as trenzas rízanse? Pois agora xa o sabedes... para min que era iso o que lle pasaba a Pippi Langstrump :)

O vindeiro cambio vai ser pintar esa parede azul de branco... o Moucho insistiu durante moito tempo e un día díxenlle que si, pero non esta a pasar e canto máis tempo pasa máis me fraquean as forzas... encántame ese azul da parede, sei que gañarei moita luz e que a hei agradecer, pero tamén hei botar de menos esa fiestra de luz enmarcada, que o sofá non se ve tan negro cunha parede escura atrás, e o reflexo da luz da lámpada de pé pola noite na parede,... 

Hai alguén máis a quen lle pasen estas cousas ou son eu a única tola á que lle custa facer cambios?

lunes, 18 de marzo de 2013

11/52

Z :: 11/52

L :: 11/52

B ::11/52

Z: O outro día quixeches poñer os patíns, a túa irmá seguite coma sempre, e logo tiveches unha gran idea: acompañar a papá facer a compra ó supermercado en patíns. Marchastes os tres e seica foi todo un éxito.

L: Es a miña carnívora, e tés predilección polos chourizos e os salchichóns caseiros.
Esta foi a semana das trenzas, tés o pelo moi longo, pero tan rizado que non o parece.

B: Fas pompiñas coas babas, as túas irmás chámante caracol. Onte, domingo 17 de marzo, ás 22:30 descubriches os teus pés e pasaches media hora axitándoos dentro dos teus peuguiños sonoros de rei da casa mentres non deixabas de miralos.

sábado, 16 de marzo de 2013

Unha gran fornada!

mesturar

homiños

amasadoras

amasando

roliños
 
roliños no forno
eu no forno

collage ladroa azucre

Porque o caso é que desta vez foi GRANDE. Dous kilos de fariña deron para tres bandexas de roliños de canela que o Moucho e máis eu levamos tomando de postre co café toda a semana, máis unha trenza e uns bolos de leite e uns suizos.

E ademáis pasámolo ben.

A receita é a mesma que aquí, e seguen estando igual de bos :)




jueves, 14 de marzo de 2013

O cole

Normalmente intento escribir cousas bonitas no blogue, porque é do que quero lembrarme algún día, pero ás veces veño desafogar. Porque o necesito, e tamén porque me parece importante que a xente saiba que hai outra maneira de ver/facer as cousas, non para facer sentir mal a ninguén (e isto dígoo porque xa me pasou, e non era a miña intención).

Así que hoxe non haberá cousas bonitas nin fotos.

Non me gusta o cole. Partindo de aí seguramente a miña visión non sexa nunca moi positiva. Non me gusta o cole polo menos como o entendemos aquí, ou ó que podemos acceder como prestación social do estado. Non me gusta que o estado non deixe opción á escolarización en casa ou en modelos alternativos de escola sen expoñer á familia ó paso por demandas, xuizos,... e todo o que iso conleva. E se coñecedes algunha familia galega que non escolarice ós seus fillos, aínda que sexa só da rede, sabedes do que falo.

Ata agora o meu ánimo variaba entre a indignación e o facer a vista gorda para non envelenarme pero cada vez sinto máis que non hai alternativa, e que pouco a pouco o que me queda é a resignación e facer ós meus fillos pasar polo aro unha vez que están dentro.

A Z. comezou en infantil no último curso despois do Nadal. A nosa idea foi que puidera comezar pouco a pouco se o necesitaba e que fose algo máis levadeiro ca en primaria, o noso cole tén xornada partida e ese primeiro ano non foi pola tarde. Nese primeiro ano xa me decatei de que as miñas esperanzas de que nos tocase unha mestra algo máis acorde coa nosa maneira de pensar nalgún momento ían ser escasas.
No seu curso de infantil todo era facer fichas, e insistir en que tiñan que ler e escribir porque o ano que vén íano necesitar. Supoño que se algunha mestra pensa de maneira distinta tamén se verá presionada polos pais e nais e polos demáis compañeiros e compañeiras, pero aínda non me tocou ver a ningunha que pensara que non debían saír de 5 anos lendo e escribindo, aínda que fose "polo seu ben" sempre causa preocupación.
Tocoume ademáis ver como aparecía a transformación pola competitividade en cousas tan simples como ser a primeira na fila, que os primeiros días á Z. non lle interesaba o máis mínimo e logo se convertía nunha meta, despois de ver como as mestras o transformaran nun premio, así que o primeiro sitio pasou de ser un sitio máis a ser o mellor.
Tamén vin unha mestra que berraba e facía que os nenos chorasen coa súa maneira de falar e á que ninguén lle dicía nada porque "era compañeira", ou "quedáballe pouco tempo", ou "gustáballes", ou "mellor que os nenos e nenas se curtan canto antes", ou "bastantes problemas importantes teñen as mestras".
Estas respostas lévoas escoitado case que para cada observación que fixen e que, todo hai que dicilo, a min o xen da man esquerda debeume quedar polo camiño, sempre se tomaron como ataques.

Non quero entrar en moitos detalles porque a miña intención non é criticar a ningunha persoa concretamente senón a toda a situación, pero o ano pasado, en primeiro de primaria a miña "loita" foron os deberes.
En Galicia os deberes están prohibidos por lei ata 3º de primaria, pero reclamar ese dereito foi de risa. De "ti non me dis o que teño que facer na miña clase" e "sodes os únicos pais que non queren", á confirmación "pois eu quero que leven deberes, que unha horiña sentados non lles vén mal" doutros pais. A falar por teléfono co inspector da zona que me dixese que "a lei non o dicía tan taxantemente", "que non podía dárselle importancia a esas cousas e que serían feitos illados".

Vou copiar aquí o texto extraído da lei porque sei que hai xente interesada, capítulo IV. 9

9. Trabajos extraescolares.

9.1. Con carácter general, los centros evitarán que los alumnos se vean obligados a realizar trabajos suplementarios fuera de la jornada escolar.


9.2. En casos excepcionales, y con carácter transitorio, el profesorado les podrá proponer la realización de actividades incluídas en el currículo del ciclo a aquellos alumnos de segundo y tercer ciclo de educación primaria que por ausencia prolongada, o otras razones, no puedan seguir el ritmo normal de trabajo de los alumnos de su clase.


9.3. Los trabajos que se les propongan a estes alumnos se dirigirán al mejor aprovechamiento educativo del tiempo libre y al desarrollo de su creatividad y sociabilidad. Serán acordes con las características específicas de cada alumno y respetarán, en todo caso, sus necesidades lúdicas, de convivencia familiar y de descanso.


9.4. Ocasionalmente se les podrá encargar a los alumnos la realización de actividades tales como:
 
-Lectura y comentario de libros adecuados a la edad del alumno.

-Búsqueda y recogida de datos o materiales para la realización de trabajos en el aula.

-Lectura de noticias de prensa y audición de programas de radio o televisión.

-Preparación de trabajos para el periódico escolar.

-Audiciones musicales.

-Realización de trabajos de plástica.

9.5. En ningún caso se les propondrá trabajos extraescolares a los alumnos de educación infantil y del primer ciclo de educación primaria.
Os nosos deberes non se trataron nunca de traballos de plástica, búsqueda e recollida de datos, nin tan sequera a aplicación práctica do aprendido na clase. Se na aula pasaban 5 horas ó día sentados facendo fichas o que traían (e traen) para a casa son máis fichas de exercicios.

O único que me quedaba era facer unha queixa por escrito e ver como as represalias caían non sobre min senón sobre a miña filla, así que agachei as orellas, conformeime en que a súa mestra non llos esixise a ela, aínda que os levasen TODOS e ela quixese, obviamente, ser coma todos.

O ano pasado loitei, este ano, vendo o que escoitaba dos demáis pais e nais de cursos superiores que era o que me agardaba, e sabendo que xa non tiña a proteción da lei, xa non dixen nada. A Z. trae deberes para a casa e quere levalos feitos coma o resto, aínda que non quere facelos... entendible, non?

Por que se quere que traian deberes para a casa? Terá que ver coas notas? No noso caso, terá que ver con exames en nenos e nenas de 7 anos con nota de 1 a 10 que se dan en alto para fomentar a competitividade? É que 5 horas de clase, que no noso caso significan máis de 7 horas fora da casa, non son suficientes para adquirir información para desenvolverse? É que non hai outras cousas importantes que facer e aprender na casa, ou fora dela noutras actividades, que sexan tan importantes como as da escola?

Se o día tén 24 horas, pasan 11 horas durmindo, 7 no colexio, restando as horas investidas en comer e asearse, que serán no noso caso case outras 3... iso déixame unhas 3 horas máis ó día, que serán investidas segundo a idade en: deberes e algunha actividade extraescolar ou xogar con algún amigo, que parece que ter tempo libre estea mal visto...
Quen vai dicirlle ó seu fillo ou filla de 9 anos que chega do colexio, merenda, fai unha hora de deberes, estudia unha hora para un exame, que a súa hora de tempo libre non pode xogar ou ir facer unha actividade que lle gusta porque ten que recoller unha colada, por exemplo? O que doutra maneira non significaría máis ca unha pequena tarefa diaria así convírtese en "explotación" porque as actividades académicas ocupan todo.
Non son os primeiros nenos de 3º de primaria que escoito que cambian actividades extraescolares por clases particulares ou de reforzo, actividades de ocio das que gozaban por máis do mesmo...

O que nun principio se tratou de dar un dereito fundamental como era a educación, agora se convertiu nunha obriga asfixiante que cada vez absorbe máis a vida das persoas dende máis novas. Primeiro apareceu a educación ós seis anos, logo o pre-escolar, logo a idade de iniciar o preescolar pasou de ser de 4 a ser de 3 anos, que no caso de nenos de final de ano, como son os nosos significa 2 anos e 9 meses, e nalgunha comunidade incluso se prantexaba a obrigatoriedade da escolarización ós 3 anos.


A segunda "loita" foron os castigos. Sabía e sei que non vou ser quen de evitalos, pero pensei que habería algúns que sería posible evitar.
Escoitei á Z. o primeiro ano sorprenderse a diario de que houbese nenos de pé na pizarra, agora xa apenas fala diso, pero sei que segue habendo nenos etiquetados de "loros" e que son castigados case a diario de pé ou fora da clase, e de súpeto un día chegou a casa con COPIAS, e non só eran copias eran copias colectivas. Toda a clase estaba castigada a facer copias por algo que fixera un só neno.

Nós non cremos na función dos castigos, eu non vexo que a xente deixe de correr porque lle poñan unha multa, máis ben quen non o fai é porque sabe que está mal e que pode ser perigoso e está concienciado diso. Por esta mesma razón o que queremos é que os nosos fillos e fillas aprendan que hai cousas que non se poden ou deben facer porque están mal, e non porque se os pillan castíganos, porque entendo que entón a solución que atoparán será "facer as cousas sen que me pillen".
Ollo, que non somos perfetos nin moito menos, e metemos moitas veces a zoca, pero cremos nisto e intentamos levalo a cabo.

Non cremos que os castigos sexan a maneira pero cal é a función pedagóxica dun castigo colectivo? Curtirse? Aprender que o mundo é inxusto? Facer o mundo inxusto dende a base para que aprendamos que é o normal e que non hai que protestar ante as inxustizas? Dende logo non será fomentar o compañeirismo, non?

E outro tipo de castigo que me parece o máis contraproducente e que tampouco está permitido por lei, porque os recreos son periodos de descanso obrigados, igual que os dos transportistas, son un dereito igual que poder xantar: deixar ós nenos sen recreo. E comprobado que ata as mestras que din non ser partidarias de deixalos sen recreo o fan, polo menos as que levamos atopado, e que pedir que a túa filla non quede sen recreo é considerado como darlle privilexios (e non como cumplir os seus dereitos).

Hai pouco escoitei se cadra un mellor aínda: ós que se "portan mal" levan máis deberes para casa. Deberes = castigo. É dicir aprender = castigo. Non é gracioso o que lles aprenden algúns mestres?


Teño que recoñecer que cada vez me sinto máis rendida, que intentarei non calar e agachar as orellas para sempre ante o que non considero xusto, pero que estando dentro do sistema escolar e pola miña experiencia ata o de agora, non vexo que vaia haber saída máis ca ir cedendo para que as consecuencias da miña actitude non recaian sobre eles.

Como nai sinto que teño responsabilidade na educación dos meus fillos, teño unhas ideas claras e fago o posible por levalas a cabo, pero sinto que os meus fillos non son meus, porque pese ó que eu pense, das 13 horas ó día que están espertos espérase que alo menos máis da metade as pasen con persoas descoñecidas, que ademáis marcan tarefas para as horas restantes e que se sinten atacadas cando os pais e nais tratamos con eles estes temas. Eu teño que ceder a diario en moitas cousas que para min son importantes na súa educación, as, para min, poucas cousas que pedín foi sempre cun respaldo legal atrás, que se supón debería protexer ó alumno, pero que polo visto son só unha pantomima. Teño claro que a maioría das mestras e mestres tratan de facelo o mellor posible, que hai moitos nenos nas aulas, que cada familia ten unha maneira diferente de entender a educación,... pero pasa que as familias que temos unha visión da educación se cadra máis alonxada que a maioría non atopamos saída.

Eu quero crer nos dereitos sociais que levou tanto tempo conseguir, quero crer na escola pública igual ca na sanidade pública, na prestación por desemprego, e as demáis cousas que pagamos cos nosos impostos, e coa loita dos nosos antes ca nós, pero ó final o que eu sinto é que a educación dos meus fillos non me pertence...


Algúns artigos relacionados:

10 VERDADES ACERCA DE LOS DEBERES (O 10 RAZONES PARA DEJAR DE MANDAR DEBERES)

Ayudarle a hacer los deberes no es ayudarle

Rebelión contra los deberes para casa

TED: de Ken Robinson

Sin leer ni escribir hasta los seis

Entrevista con Claudio Naranjo: La educación debería liderar el cambio, pero es la institución más obsoleta

Por qué son inaceptables los castigos.


miércoles, 13 de marzo de 2013

En imaxes (e palabras) II

acristalado
 reflexo

o rei da casa

pitas
pitas

cara a
cara b

chove

ovos

Oli

raias

raias

Tivemos unha especie de obra na casa. Eu descubrín un patrón perfetamente recoñecible en min cando hai cambios: primeiro négoos con rotundidade (normalmente durante moito moito tempo), logo comezo a cuestionalos e cando decido que si é dun momento para outro, e téñense que facer XA porque me sinto inusitadamente entusiasmada, abandónome. Desta vez tamén pasou. 
Agora estou leda co cambio, seguen estando os peros: un cristal tan enorme e tan a man (tamén das mans pequenas) nunha casa onde os cristais se limpan tan pouco... Pero nótase  diferencia de temperatura, logo cumpre o seu cometido... e ademáis queda moito máis bonito e imos aforrar o estrés dos primeiros meses de movemento co pequeno B. e as escaleiras porque en situacións especiais pódese pechar o paso. E ademáis véxome reflectida dende "o meu" sitio no sofá :)
A porta foi inaugurada cun aplastamento de bolsa de patacas da Z. e un aplastamento de nariz da L. Galla segue sen saber que extrana forza lle impide o paso a pesar dos debuxos indicativos que colocamos despois das inauguracións.

As pitas pasan o tempo que chove pegadas ó noso cristal, cotilleándonos. Gústame ver as súas cabeciñas asomando, son graciosas... aínda que non é tan gracioso o aspecto do mini-porche... xa vos imaxinades.

Non sei que pasará no resto das casas, na nosa o chan sempre ten un aspecto semellante a este, e desta vez ben mereceu a pena, porque ademáis desas formas preciosas coas que me agasallou a L. o mellor agasallo foi que ó rematar deixou todo impecable, tan recollido e sen axuda que non o creo aínda hoxe. Foi TAN bonito. :D

E só unhas imaxes: dos días de chuvia; os ovos que acompañan sempre ó noso brécol con patacas arrefriando antes de pelalos; Oli, compañeira inseparable da L. mentres come (e non para pedir comida, só para acompañala).

E esa sesión de fotos inesperada un día pola mañá, sen presas porque fomos ó dentista e non tivemos que ir ó cole a primeira hora. Deixei un bebé na cama e cando volvín da ducha atopeime con isto. o rei da casa coas raíñas... e entre raias.
Eu son un desastre organizativo, e ademáis non son quen de preparar as cousas, por iso as fotos planificadas non se me dan moi ben, o tempo que me leva a preparación non me compensa... pero quédome coas ganas moitas veces, así que cando pasan casualidades coma estas o momento é triplemente feliz.

E este momento non quero esquecelo nunca: mirade estas caras e dicídime se non teño que ser a persoa máis feliz do mundo, ains! :´)
 

felicidade

lunes, 11 de marzo de 2013

10/52

Z :: 10/52

L :: 10/52

B :: 10/52

Z: O venres fomos ó dentista para confirmar que tés outra caries, vai ser o teu punto feble témome. Logo quixeches ir ó comedor ó cole porque ós voluntarios que vos prestades a erguer as sillas os venres danvos unha chocolatina. A trenza e os boliños de leite non os comes cando os fago eu, pero a masa si.

L: Na casa sempre estás tranquila cando eu estou sentada e axudando cando vou facer algo, e encántache coidar a teu irmán.

B: Tanto chuchar na man, deches en chupar o polgar, como a túa irmá L. adoitaba facer. Bábaste. Conseguín máis gargalladas, pero son fugaces e semella que de momento só queres agasallarmas a min, o resto da familia non as puido escoitar aínda. Agora que recuperararas o pelo das entradas perdiches o das patillas. Ata agora chorabas sempre despois do baño, pero non sei como non o fixeches máis e podemos ter unha sesión de masaxe.

domingo, 10 de marzo de 2013

En imaxes (e palabras) I

espello

primeira vez na trona


roupiña

coletas
o lazo
brécol

mosaico carantoñas 2

planificando


Eses sorrisos no espello. 

A primeira vez na trona.

Conxunto (desconxuntado) de calceta: chaqueta vella, pantalón novo.

Coletas con suxeitagafas. Aguantar estóicamente unha mañá de compras logo de conseguir a súa soñada pinzaconlazorosa. Xantar o que xa case non se chama "arboliños".

O que o B. lle conta ó Moucho.

Planificando o traballo. 


Por se queres compartir