jueves, 31 de enero de 2013

Semellanzas

Por fin xa non lle queda enorme este pixamiña. É dun conxunto de dous que mercara antes de nacer a Z. Gústanme porque non teñen as cores típicas de bebés, porque teñen raias e porque son de toalla e non de terciopelo... un pouco diferentes. O caso é que o outro día pola noite púxenllo, estaba no sofá con el no colo, mirei para o moble que tiña ó lado e tiven que pedirlle ó papá Moucho que por favor lle fixera unha foto ó B. antes de que calquera incidente con sustancias corporales nos fixera ter que cambialo.

B

B 2

Z

B 3

Pola mañá antes de ter que cambialo aínda fixen algunha foto máis con luz natural.
A min o dos parecidos dáseme bastante mal, de fisonomista non teño nada, pero creo que se pode deducir fácilmente que o B. e a Z. son irmáns, non?

B vs. Z


martes, 29 de enero de 2013

44 fotos


Cheguei á habitación das estrelas co B. no colo e coa intención de sacar roupiña de bebé das caixas onde a gardo, pouseino na cama e quedeime mirando... a luz, as cores da colcha da manta e da súa roupa. Entrou a L. e quedou con el mentres eu collía a cámara no cuarto do lado.

Cheguei e... click, click, click,...

Collage1b

collage2
B2

collage3

collage4

collage5
B


A Z. debeu pensar que tardabamos moito en volver e uníuse á festa...
collage6
os 3
collage7

collage8
a miña felicidade

Collage9
27012013-IMG_5856

Pasaron dous días e a roupa segue nas caixas. Perdón por poñer unha entrada con 44 fotos, comprenderedes que non puiden resistirme :)

lunes, 28 de enero de 2013

4/52

Z :: 4/52

L :: 4/52

B :: 4/52

Z: Tarde chuviosa de domingo, mantiña e sofá

L: A súa primeira vez na neve sendo consciente... foi pouca e pouco tempo, pero pasouno tan ben... 

B: Colgado de mami

miércoles, 23 de enero de 2013

Agasallos para bebés

Ó longo deste embarazo pensaba que non tería barrigas para compartir, pero non sei como houbo un boom de bebés, dous deles, igual ca o noso B., foron os terceiros da súa familia.

Apeteceume facer algo para eles, pero non me vía con forzas de facer algo grande para cada un, xa vedes que nin sequera tecín nada para o B ata o derradeiro mes, pero ocórreuseme algo sinxeliño, aproveitando restos de algodón e ademáis o resultado gustoume moito: uns axóuxeres.

axóuxere

Acompañados duns saquiños de lavanda...

set 1

set 3

Houbo un agasallo diferente, aproveitei unha saia que tecera hai tempo e que é tan sinxeliña que pode aproveitarse como chapeu cando son máis grandes.

set 2

Non seguín patrón ningún apra ningunha das cousas, así que todos son un chisco diferentes.

Falta outro máis ó que non lle fixen foto... e así Mariña, Adrià, María, Abril e o noso B., claro, tiveron un mini agasallo.

Pensei facer algúns para a tenda, pero a produción quedou parada despois destes, a ver cando podo retomala. Gústanvos?

NOTA: Gústame pinterest e gústame pinnear cousas, pero non me decatara ata hai pouco de que as imaxes do meu blogue, ó estar privadas no flickr, non se podían poñer nos taboleiros do pinterest. Vou intentar que a partires de agora haxa polo menos unha foto significativa en cada post que poida colgarse no pinterest. Se nalgunha entrada se me esquece e queredes poñer algunha das imaxes dicídemo, vale?


lunes, 21 de enero de 2013

3/52

Un retrato á semana de cada un dos Tartarouchos durante o 2013.

Z :: 3/52

L :: 3/52

B :: 3/52

Z: O momento do xantar non é dos seus favoritos, e menos se hai carne con óso, ó contrario que a irmá. Polo menos desta vez, compartido coa tía Lu e máis Alejandro, lévase mellor.

L: A miña pequena rosa estrea mirada.As lentes son rosas, non podía ser doutro xeito, e está guapísima, coma sempre

B: Envolto na mantiña agasallo das leriantas. Primeiros sorrisos correspondidos e primeiros "gorgoritos" :)

Nota: Non me decatei cando comecei nas vacacións de que ata que medren os días vai ser difícil facerlle fotos á Z con luz natural... outra razón máis pola que non me gusta a escola... :-/

Nota 2: Hai moitos proxectos de 52 semanas de fotos dos pequenos, entre eles e na nosa terriña o de Marta e o de Eva, pero xusto os días antes de comezar, cando xa decidira facer este proxecto atopeime de casualidade con estoutro blogue, o de Ché and Fidel e gustoume o formato: foto e pequeno texto. A final de ano terei un bonito resumo de fotos e palabras de cada un dos Tartarouchos, igual ata podo facer un libriño... :)


lunes, 14 de enero de 2013

2/52

Un retrato á semana de cada un dos Tartarouchos durante o 2013.

Z :: 2/52

L :: 2/52

B :: 2/52

Z: A lectura espontánea leva xa un tempo a encher ocos de ocio. Na fin de semana baleirou un estante.

L: Escollendo unhas gomas para pedirme unhas coletas. Logo mira o peiteado e sempre cae unha sesión de caras no espello.

B: Segue a encantarlle o baño, chora ó quitarlle a roupa, pero a cara de relaxación ó meterse na auga merece a pena.

jueves, 10 de enero de 2013

Aproveitando

O outro día vin no blogue de Cousas pequenas que Esther estaba a buscar un proxecto que facer cos puños e pescozos das camisas reaproveitadas, e lembreime disto que fixen un día nun momento de inspiración e que creo que non cheguei a compartir convosco, así que aí os van.

Os pescozos non os aproveitei (se cadra podo agardar a ver que fai Esther con eles ;) ) pero cos puños e nun momentiño fixen unha chea de servilleteiros para os convidados. Na casa usamos sempre servilletas de tea, moitas veces os convidados non queren, sobre todo cando veñen só facer unha comida, e a verdade é que non insisto porque ás veces non sei se é por non molestar ou porque non están cómodos usando servilletas de tea, pero hai outros cos que temos confianza e podemos poñer servilletas das nosas sen problema, e agora se quedan a máis dunha comida xa teñen como identificar a súa :)

servilleteiros

A cousa é sinxela, xa vedes: corteinos un pouco do lado onde estaba o botón para acurtalos e que apretaran as servilletas, rematei ese extremo cun punto de overlock da máquina, nalgúns recortei ó redor porque estaban máis gastados e fixen o mesmo. E logo, volvín coser os botóns, aproveitando para cambialos e identificar mellor os servilleteiros, sobre todo nos puños da mesma camisa. E fin.

Sinxeliño e resultón :)

Temos unha chea deles e unha chea de puños aínda sen aproveitar... terei que lles buscar outro uso ou regalalos, alguén quere un servilleteiro? :)

Nota: Acábaseme de ocorrer: irán de agasallo coas cousiñas da tenda Da Tartaruga, así que se mercades algo de agasallo vai un servilleteiro (ata fin de existencias ;) ), e como estamos en época de rebaixas, pois imos rebaixar... se metedes o código REBAIXAS13 teredes un 15% de desconto no prezo.

lunes, 7 de enero de 2013

1/52

Un retrato á semana de cada un dos Tartarouchos durante todo o 2013. Comezamos. :)

Z :: 1/52

L :: 1/52

B :: 1/52

Z: O 30 cumpliu 7 anos. O 31 facendo o puzzle que lle regalou a súa amiga Z. 500 pezas. Wow

L: Na mañá de Reis, estreando a roupa que lle deixaron e xogando ó xogo do momento: "pe-chops"

B: Primeiro día que queda durmido ó pousalo, e coa sorte de que preparei un "set" e conseguín este sorriso espontáneo. :)


viernes, 4 de enero de 2013

Rosa

Eu tiña un bebé na barriga, aínda era só un bebé, non sabiamos se sería un Tartaroucho ou unha Tartaroucha e a L. estaba emocionada pensando en todas as cousas que se lle ían poñer. Cada prenda de roupa que lle quedaba pequena e outrora lle custaba arredar do armario agora facíao feliz dicindo: "Isto para o bebé."
Entón un día o que apartou do armario foi unha saia e dixo o mesmo: "E cando naza o bebé podémoslle poñer esta saia" e atopeime a min mesma respostando: "Se é unha nena, se é un neno non lle imos poñer saias..." E vin a súa mirada, decepcionada e á vez sen acabar de comprendelo, cos ollos apagados ata que concluiu: "Pero ó mellor se é un neno gústanlle as saias..."

Son vítima dos absurdos estereotipos sociais.

Por que non había levar saia un neno? Só porque os adultos decidimos que non é correcto? Levo anos a queixarme de que a roupa dos nen@s está demasiado diferenciada, é dificilísimo atopar un vaqueiro a secas: os de neno son anchos e levan costuras fortes, ou números, ou etiquetas imitando algunha especie de organización militar; os das nenas son axustados e levan bordados de bolboretas, pespuntes rosas, flores nos remaches ou teas de flores nas vistas... e cando as camisetas dos nenos teñen pescozo tipo polo ou números ou algo que as faga eminentemente masculinas, as das nenas son rosas, malvas ou moradas e teñen paxariños ou flores e as mangas son estreitas e teñen frunces nos ombreiros, nalgunhas marcas é especialmente marcado.

E será porque eu tiven dúas nenas, porque non me gusta o rosa, porque non teñen pendentes, porque levaron o pelo curto e porque as vestín (mentres elas quixeron) con roupa masculina, neutra ou feminina, e que as confundiron con nenos infinidade de veces, tantas que deixei de aclarar que eran nenas, porque realmente que máis ten?
Será por iso que agora me fai sentir peor isto de ter un neno e non querer poñerlle unha saia como pretendía a súa irmá, chea de razón, ou como me pasou o outro día que gardei un conxunto de florciñas rosas que lle regalaran á L. de bebé porque o vía demasiado de nena con ese borde e ese laciño rosa... é que acaso é peor ca un neno se confunda cunha nena que o contrario? Porque as nenas son peores? Porque ser muller é algo peor? Porque parecera que "obligar" a un neno a vestir con "roupa de nena" vai crearlle problemas sicolóxicos?

Non tería problema en deixalo vestir así se el quere, pero facelo eu... é unha suma de argumentos ridículos nos que non creo e aínda así non son quen... e faime sentir mal por non ser coherente.

E entón, xusto o día que decidía retirar ese conxuntiño de flores a amiga Catuxa compartía este vídeo


Para sentirme un pouco mellor descubrín que hai cousas rosas, "de nena", que foron das súas irmás, que me encantan e que non me importa poñerlle sen pensar sequera que o que leva posto "é de nena".

z con b

b de rosa

Co ben que lle queda ademáis... agardo polo menos que sexa esta semente a que plante nas Tartarouchas, e non a outra, porque tamén depende de min.

jueves, 3 de enero de 2013

2013

Xa está aquí o novo ano, fíxome gracia cando o outro día vin por primeira vez que era o ano 2012+1. Nin se me pasara pola cabeza, pero en canto vin iso o meu cerebro quedou xa suxestionado, seino porque o seguinte que lin no reader foi o comezo dalgunha entrada dun blogue que dicía algo así como que este ía ser un ano complicado porque comezaba en martes, e aí aparecían os puntos suspensivos, se quería seguir lendo a entrada tiña que pinchar nela para ler o texto completo. Pero o meu cerebro suxestionado e puérpero pensou: "e logo será que comeza en martes e trece?" :D
Anécdotas a parte non podo evitar facer propósitos agora que comeza un novo ciclo...

O propósito fotográfico do ano pasado, de saír en máis fotos familiares cumpliuse a medias, sigo sendo galvana e o de montar o trípode e facer sitio para as fotos cústame moito, dáme a sensación de que cando teña todo montado non me vai dar tempo e hei ter que desmantelar todo antes de facer as fotos. Aínda así salveime grazas a unhas cantas fotos durante o embarazo ás que se sumaron as tartarouchas.
O deste ano agardo cumplilo (como todos os principios de ano, claro :) ) e será facer 52 fotos de cada un dos Tartarouchos, unha por semana. Intentarei publicalas nunha entrada do blogue cada semana... pode ser que os luns? Ou se cadra estou concretando demasiado... xa veremos. A alguén lle apetece sumarse? Un retrato por semana... pode ser un bonito final de ano facendo un libriño con cada un deles sen ter que escoller ás presas que fotos poñer no último mes (este ano aínda teño os calendarios sen facer e non escollín unha soa foto do taco que fago cada ano... :-/, debería ser outro propósito, este e máis facer limpeza de fotos...)
Intentarei ademáis seguir saíndo nas fotos con eles, pero nisto non me comprometo a facer unha foto por semana... a ver o que pasa ó final.


En canto á costura teño en mente un novo quilt, pero non sei cando poderei comezar... o B. semella do estilo da Z., coido que vou ter que tirar moito de portabebés para poder facer as cusiñas de diario, así que a ver cando cambiamos de ritmo por aquí (e tereime que afacer de novo a teclear cunha man como agora :) ).

De calceta só me propoño rematar o comezado, e de momento é esa manta de restos que vai xa pola metade e máis a de hexágonos de ganchillo.

E ademáis gustaríame darlle un lavado de cara ó blogue, que ó pobriño, agás publicar entradas non lle fago nada dende hai moito tempo e vaille facendo falla... xa veremos, porque ó mesmo tempo dáme mágoa... ata desas cousas se encariña unha por aquí...

E non podo deixar de pensar nas iniciativas que xorden de entre as amigas: viaxes, libros, negocios,... xa vos contarei se elas me deixan, xa, porque todos van ser grandes aventuras, este vai ser un bo ano, sen dúbida :)

De momento vouvos falar só da iniciativa da nosa amiga Sabela e a súa familia de Mochiliñas dos que vos temos falado noutras ocasións. Desta vez é unha Cestiña de cores chea de cousas bonitas e feitas a man, na que colaborei facendo un estoxiño e que sortean por unha boa causa... visitádeos e animádevos a botar unha man se vos parece.

Hoxe é tamén un día especial para o bisavó Sindo, así mandamos forzas dende aquí para que vaia todo mellor :)

bisavós

E coido que máis nada... que temos que irnos afacendo a esta nova situación de familia de cinco.

3 irmáns

Vós tendes propósitos para este ano novo?


Por se queres compartir