viernes, 30 de noviembre de 2012

O día D

Saio de contas en decembro, o día 12 de decembro máis exactamente, e por aquí elucubramos sobre o posible día D. Decembro é un mes importante na casa dos Tartarouchos, o día 1 naceu a L. e o día 30 a Z, o 15 sería na metade, e ademáis tamén é unha data importante por aquí e non só porque tamén cumpre anos a avoa Olga ese día. O mesmo día da data probable de parto, o 12 do 12 do 2012 sería un bo día para nacer... pero non somos nós os que temos a útlima palabra, é o bebé.

E como estou a escoitar estes días os terceiros veñen para romper esquemas...

bebé B

O primeiro Tartaroucho da familia chegou o 28 de novembro na nosa casiña.

bebé B
 
Benvido bebé B.

martes, 27 de noviembre de 2012

Novembreando IV

22112012-IMG_4017

22112012-IMG_4018

22112012-IMG_4020

23112012-IMG_4029

25112012-IMG_4031

25112012-IMG_4032

25112012-IMG_4034

25112012-IMG_4037

Chuvia, frío e máis horas de escuridade: visitas á biblioteca, actividades e xogos de interior, e buscando outras que facer fora da casa. Esa Z. xigante que enfeita a nosa porta foi o resultado dun contacontos e luduteca dunha charla para maiores á que finalmente non fun por quedar acompañándo á L., pero paseino xenial escoitando os contos e vendo como facían unha réplica de si mesmos por parellas. Chegou a casa sen rematar, pero foi o primeiriño que fixo ó chegar do cole o día seguinte e logo decorar a porta con ela, bautizala coma Lala, facerlle unha mascota e poñerlle nome tamén: o gatiño Bocazas :) Días despois apareceu tamén unha foca feita pola L. que a Z. quixo chamar Luisa e a L. Brillantina... aínda non teño moi claro cal foi o definitivo se é que o hai.

O tempo de andar por fora aproveitámolo coas bicis e facendo tarefas de xardín e da horta: limpando as follas que quedaban polo chan das nosas árbores espidas e arrincando cenorias.
Preparando pan duro para as pitas e mirando a diario se aparece algún ovo de novo despois de que a nosa pita poñedora se puxera choca de novo aí atrás sen un só ovo que quentar... non sabemos se tomará un descanso no inverno ou só un descanso post-quentura.

A finde veu o avó, leu contos, trouxo unha peli para ver e logo foron ver un mago que as fixo pasar un bo rato ás dúas.

E seguimos outonando :)


lunes, 26 de noviembre de 2012

Novembreando III

up

tecer ó sol

mantiña de restos

colage peiteado

pitas

frío

eu

moucho

aquelarre

Aproveitamos o sol mentres o hai porque por aquí xa chegou o frío, as noites déixannos os cristais cheos de condensación e por fora todo branco da xeada.

O frío tróuxome as ganas de calceta, comecei un par de proxectos novos, e rematei un dos UFOs! Xa vos darei máis detalles.

Gústame mirar pola fiestra e ver ás pitas de paseo buscando bechos e herbas saborosas :)

As Tartarouchas están compartindo moitos momentos bonitos últimamente, o outro día a Z. peiteou á L. intentando deixarlle o pelo liso, á L., ó contrario que á Z. encántalle peitearse aínda que o resultado sexa ese rizo desfeito e o pelo cardado. Ó final sempre acabamos facendo coletas.
O venres pola noite a L. quería ir para a cama pero non quería ir soa, e a Z. quería quedar esperta e aproveitar a noite un pouco máis (pásalle coma a súa nai) porque ó día seguinte non tiña cole, aínda que conserva o reloxo interno intacto (ás 7:30 tocaron diana as dúas). O caso é que eu tratei de convencela de que podía ler na cama un ratiño, que a L. quedaría durmida e ela podía seguir lendo se quería, pero non quería. Entón achegouse a min, pegoume a boca á orella e besbellou: "E cando a L. quede durmida podo volver baixar?" "Podes".
Subiu coa irmá, puxeron o pixama, e metéronse na cama a ler. Ó pouco subín eu para deitarme tamén e tería feito unha foto pero non quería estragar o momento e darlle máis importancia para non rompelo, funlles dar un biquiño e estaba a Z. lendo contos para a súa irmá pequena, as dúas coa cabeza apoiada no mesmo coxín... ó final leu moito tempo, eu escoiteina dende a miña cama, e a cousa rematou cun... "L. podes apagar xa a luz, por favor?" Derretinme.  Ogallá non esuza ese momento porque é un dos de gardar :)

Por certo, había moito tempo que as Tartarouchas non me pedían a cámara para facer fotos, e volveu pasar, supoño que porque eu tampouco estou todo o día pegada a ela aínda que non o pareza. Para mostra o Moucho e máis eu retratados por elas.

E a fin de semana pasada viñeron as miñas bruxiñas facerme un aquelarre sorpresa! Non as agardaba para nada, trouxeron uns agasallos chulísimos, as nenas (e eu) estamos namoradas deste conto da foto... agora aínda me apena máis non termos cheminea :) Comemos doces caseiros, gominolas e nubes incluídas! Lercheamos un bo rato e decidimos que haberá que cambiar a tradición para seguir facendo aquelarres máis a miudo agora ue a natalidade está baixando ;P
Moitas grazas bruxiñas!! Quérovos e isto tampouco o vou esquecer :*

viernes, 23 de noviembre de 2012

Uns descontiños

Dende hoxe ata o vindeiro luns hai un 10% de desconto na miña tendiña en etsy Da Tartaruga... se cadra alguén se anima a mercar un agasallo para o Nadal.

Bolsiños, estoxos, fundas de coxín, mantiñas de bebé, botiños con funda, pousavasos e manteliños individuais,...

 vista tenda

Só tendes que meter o código BFCM12 cando fagades a vosa compra.

viernes, 16 de noviembre de 2012

Novembreando II

nova ubicación

plastilina

bicis sen rodiñas

morcego


merenda

galla durme

pola tarde, a Z lendo

15.nov.2012

pola noite
(foto do Moucho)

Agora teño novo sitio no salón, e penso que igual xa non é o sitio preferido de todas e podemos comezar a usar o resto dos sitios nos sofás. Por certo, rematei a mantiña, a de hexágonos non, a que estaba a facer en punto bobo. Está dando resultado o de atacar os proxectos inacabados.

Outro éxito recomendable é o de quitar os pedais ás bicis, hai dúas semanas xa que as dúas Tartarouchas saben andar en bici, con pedais e sen rodiñas, e cada día que non chove piden saír con elas. Ata a Z. que non era nada fanática da bici... non sei o que durará, pero gústame velas :)

Aproveitamos sempre que podemos o solciño que vai polas tardes e saímos merendar fora, ó parque ou dar un paseíño sen máis, e tamén aproveitamos o tempo dentro da casa para xogar coa plastilina e os xoguetes novos que trouxo a nosa mamá Noel particular, ou para ler. O outro día a Z pediu levar un libro mentres iamos facer recados, a primeira vez que o pide igual que ás veces pregunta se pode levar algún boneco. Foi lendo no coche, ó baixar do coche mentres camiñabamos, e seguiu lendo ata rematar o libro cando chegamos a casa. Non quero esquecelo porque non sei se volverá pasar e gustoume tanto! Lembroume tanto a cando eu era pequena e levaba os libros a todos lados... á hora de comer con libros na mesa, ós Mortadelo e Filemón das fins de semana cando meu pai ía ó fútbol e nós iamos mentres a un parque no que meus irmáns xogaban e eu devoraba o tebeo da semana mercado no kiosko do mesmo parque,... non estaría mal que fose un novo costume :)

Non sei que me deu que vin unha foto e tiven que probar esta receita para facer unhas papas de avea para o almorzo, a receita é esta, nós usamos ameixas pasas en troques de arandos e as mazás que había na casa non eran granny senón golden, e non fixen esa parte final do azucre, pero estaba boísimo!!! Non sei terei a paciencia de volvelo facer para almorzar e ter que agardar media hora preparándoo (mais esa outra hora que pasa antes mentres acomedo ás pequenas antes de ir ó cole), pero encantoume. A salsiña sabe como o recheo das tartas americanas de mazá.

As Tartarouchas son grandes e dúrmense soas dende hai un tempiño (agora penso de novo en todos aqueles que dicían cousas como que non iamos ser quen de quitalas da cama, ou outras semellantes), eu baixo e teño un ratiño para tecer no meu sitio novo do sofá, con Olivia enriba miña algunhas veces e outras enriba delas mentres durmen. Ata que me dá o sono aproveito estes momentos antes de que chegue o bebé e cambien as nosas rotinas de novo.

E hoxe é venres e temos por diante unha fin de semana enteiriña para seguir novembreando.

Que a aproveitedes ben!!

jueves, 15 de noviembre de 2012

Novembreando I

perruca

biscoito de prátano

na casa 1

na casa

comba avoa Olga

durante

despois

pelexo

outono na cidade


Había uns prátanos demasiado maduros para que ninguén os comera, este biscoito (engadíndolle pipiñas de chocolate) foi un exitazo.

A avoa Olga estivo de visita a fin de semana, estivo coas Tartarouchas que o pasaron pipa, e mentres eu deixei o síndrome do niño campara ás súas anchas, limpando lámpadas, portas, hidratando a pel dos sofás, colocando roupa,... e o Moucho aproveitouse e cando lle pedín que el pasara a aspiradora e eu fregaba o chan non sei como acabamos sen facelo e cambiando os mobles de sitio no salón.
Lavei un pelexo de ovella dos que temos no sofá. Na lavadora. Con champú. No programa de la frío. Non as tiña todas comigo, pero parece ue o único efecto indesexado foi ue encolleu un chisco. Peiteeino mollado e seco, a pel tarda moito en secar, pero coido que foi todo un éxito.

Nunca me lembro de que os solpores do noso inverno (o que non é verán) son espectaculares... só hai que agardar a que haxa sol.

lunes, 12 de noviembre de 2012

12 de novembro

Hoxe seica fai un ano que fomos de non-voda.

Pasámolo moi ben cos amigos todos, e ademáis fixo un día estupendo para poder celebralo a gusto e que os pequenos e pequenas puideran gozar do espacio ó aire libre.

Pero o que quería amosarvos e non o fixen o ano pasado, é o meu vestido, porque nas non-vodas tamén se pode levar vestido :P, e porque é outro exemplo de reciclaxe do que estou toda orgullosa.
Veu Tecelá un día pola casa botarme unha man, que é moito mellor modista ca min, aínda que despois arrisqueime e cambiei todo.

O bonito do asunto foi que reutilicei unha vella saba que usaba na miña cama cando era pequena. En cor crudo e cunhas florciñas marróns cunha folliña verde, perfeta :) A baixeira useina para facer un forriño para a saia.

Logo fixen un xersei cunha la que mercara con idea de facerlle un xersei ás nenas. Por certo que a la encantoume... o xersei non sei se o porei moito máis, pero dáme mágoa desfacelo... igual co tempo me decido, de momento este ano non collo así que pódolle dar outro máis a ver que pasa.

Póñovos unhas fotiños para que os vexades. Todas son das Antonias, Anna e Mar, fotógrafas oficiais do evento, e amigas cibernéticas :)

vestido6

vestido5

vestido2

vestido8

vestido7

Aquí é onde non vos conto que non me aptrevín a poñerlle cremalleira (aínda que a mercara) e que para meter o peito había que facer unhas manobras un tanto estrañas :D

E... que o pasemos todos ben hoxe, ogallá puidesemos facer unha festa así cada ano e xuntármonos todos os amigos.

vestido



domingo, 11 de noviembre de 2012

Uns calcetíns e un par de gorros

Xa, dixen que non ía facer máis nada ata que acabara os meus UFO's, pero xa se sabe...

O outro día rebuscando no cesto das las apareceu unha bolsa na que había entre outras cousas un calcetín que fixera hai anos coa idea de que fose quentiña coas katiuskas. Feito cun acrílico reutilizado duns quentadores que me fixera a avoa Olga hai anos. A L. viuno, probouno e resultou valerlle, e ademáis era do máis divertido o que esvaraba o calcetín polo piso. Lembroume a uns mellizos que viñan na miña clase cando eramos pequeniños, despois marcharan do cole, o caso é que tiñamos que levar zapatillas co piso de goma para xinasia e eles levaban unhas pantuflas de la que lles fixera súa avoa... os pobres caían sempre ó chan do que esvaraban as pantuflas no parqué.

Total, que como tiña aínda gardado algo do acrílico aquel pois fíxenlle a parella para que vaia quentiña coas súas katiuskas... ou para que esvare polo piso.

kaiuskeiros

katiuskeiros 2

Despois fun por enésima vez nun mes á tenda de las buscar unhas cores que me faltaban da mantiña de hexágonos e que a muller me dixera que buscaría na trastenda durante unha fin de semana porque eran de verán e agora tíñaas gardadas. O caso é que cando fun díxome que non as buscara, e que non as ía buscar porque se non estaban á vista íanlle dar moito traballo, así que quedei sen as cores que me faltaban e fun polo resto de tendas da cidade buscando por se acaso as tiveran. E así foi como descubrín que unha delas está liquidando e vai pechar, e claro, merquei un par de novelos, coa idea de facer un gorro para min, pero logo pensei que eu xa tiña gorros dos outros anos, e non ía medrarme a cabeza, e que igual cos dous novelos podía facer un para cada unha das Tartarouchas, así que nun par de horiñas por gorro xa os tiña.

Primeiro fixen o da Z.
gorro Z
 
e quedei todo o día cismando en que era curto, pero aínda así púxenme co da L.
 
gorro L perfil
 
8.nov.2012: gorro novo! / gorro nuevo! / new hat!
 
O patrón é o Teo Hat, e gústame moito como queda o pirulo de arriba, para min parece unha gnomiña, ela di que é unha bruxa :) Algunhas notas máis no proxecto en ravelry.

Logo retomei o da Z. a ver que podía amañar coas las que tiña pola casa. Primeiro collín unha la que non me convenceu moito como quedaba, así que desfixen.

primeiro intento

Logo volvín intentar, con tres cabos dunha katia austral verde e un desta la con cores, moito mellor, e un pompón a petición da usuaria.

resultado final
 
 Agora si, non usei ningún patrón agás para facer os aumentos, pero se queredes mirar algo máis tamén o podedes ver na páxina do proxecto.

E claro, a irmá pequena (por pouco tempo) tamén quixo un pompón e conseguín convencela para non poñelo na punta.
vendo fotos

A Z. aínda non sinte frío abondo para poñelo, e a L. anda con el dentro da casa todo o día, e cando vai saír quítao. Sonche así :D

Por certo, o xoves caeunos outro dente. Fixemos as fotos xa de noite porque logo ía levalo o ratiño Pérez e non podiamos, así que nótase a luz, pero temos o dente, que desta vez caeu na casa do veciño. Como ben lembrou a Z. "cada un cáeme nunha casa!".

dente
 
oco do dente








Por se queres compartir